Saturday 04 de May de 2024

Surf, música, mountain bike, artes marciais e halterofilia integran a proposta ‘Riveira Weekend’ que terá lugar esta fin de semana


O MONTE DA CIDÁ, A PRAIA DE ESPIÑEIRIDO, O PORTO DE CORRUBEDO E DISTINTOS PUNTOS DA CIDADE SERVIRÁN COMO ESCENARIOS DESTA INICIATIVA

A iniciativa dos clubs H2O e Rumble Bikes e dentro da programación do Xuño da Cultura e as Artes, distintos puntos do noso municipio van ser escenario o sábado e o domingo do evento Riveira Weekend: unha iniciativa que combina distintas propostas como surf, música en directo, mountain bike, K1 e CrossFit

Para desgranar esta atractiva actividade compareceron esta mañá na Casa do Concello Breixo Ventoso, Álex Sebastián, Iván Ferreirós e Marcos Valeiras, ademais do concelleiro de Deportes Anxo Orellán.

Descenso
Un dos principais puntos neurálxicos da cita estará situado no Monte da Cidá, que ao longo do sábado día 4 dará cabida a un campionato de descenso en mountain bike con 40 participantes. De 11 a 14 horas terá lugar os adestramentos, en tanto que ás 16 e ás 17 horas celebraranse a primeira e a segunda mangas da proba.

A continuación os focos trasládanse ao Malecón da cidade, onde haberá unha exhibición de K1 (unha modalidade de artes marciais) e de CrossFit (unha variedade de halterofilia).

Batalla de bandas
Xa a partir das 20 horas e co patrocinio da marca local de roupa GNI terá lugar na rúa Alcalá Galiano unha batalla de bandas riveirenses usuarias do local de ensaio para dar paso a continuación a unha sesión DJ a cargo de Manu.

O domingo os deportes náuticos serán as actividades estrela coas competicións de surf e bodyboard que van ter lugar na zona riveirense da praia de Espiñeirido ao longo da mañá. A cita dará comezo ben cedo, ás 8.30 horas. Haberá un total de 72 participantes: 32 en surf, 32 en body e 8 en categoría femias. As previsións de ondas son boas segundo apuntou Álex Sebastián do club H2O, o que garante o atractivo das probas.

Paddle surf
Xa pola tarde, na praia portuaria da Robeira en Corrubedo, está previsto celebrar unha exhibición de paddle surf á que se poden sumar todos os afeccionados.

Por último, cómpre sinalar que como anticipo a este extenso programa, o sábado pola mañá de 9 a 14 horas haberá unha zona de exposición no Malecón de Riveira onde se poderá adquirir distinto material dos patrocinadores do evento.